Sunday 28 de April de 2024

O Festival da Denominación de Orixe Ribeiro – Son de Viño – anuncia os primeiros nomes da súa cuarta edición


De Vacas, Sen Senra e Kings of the Beach sonlas primeiras confirmacións musicais deste festival 100% galego que fusiona concertos con degustacións dos mellores viños da D.O. Ribeiro

Ribeiro Son de Viño 2017 celebrarase o 15 de xullo no entorno paradisíaco do Náutico de San Vicente do Mar (O Grove)

De Vacas, Sen Senra e Kings of the Beach son os primeiros artistas confirmados para a cuarta edición de Ribeiro Son de Viño que se celebrará o 15 de xullo no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove – Pontevedra). Á espera de coñecer os nomes que completarán o cartel deste ano xa podemos anunciar que será o máis ecléctico de todas as edicións. As bandas que formarán parte do festival de esencia galega da Denominación máis antiga de Galicia son elixidas pola súa calidade e talento, co obxectivo de unir unha ampla variedade de estilos arredor dunha copa de Ribeiro… ¡Ribeiro une!

Ribeiro Son de Viño é o único festival de Galicia que combina música en directo con degustacións de viños da Denominación de Orixe Ribeiro, no entorno privilexiado de San Vicente do Mar. Por cuarto ano consecutivo volverá a traer a este recuncho costeiro de fama internacional o mellor das súas terras e das súas xentes, que estarán representadas a través dos viños D.O. Ribeiro e os seus adegueiros.

Durante todo o evento, que comeza ás 13.00 horas e se estende ata as 3.00 da mañá, os responsables dalgúns dos mellores viños da D.O. Ribeiro estarán a disposición de todos os asistentes para guialos nas degustacións e conversar sobre a variedade e diversidade que esta zona ofrece, sempre cun denominador común, a calidade e as súas variedades de uva autóctonas.

As primeiras confirmacións musicais apostan por algúns dos artistas galegos que viven o seu mellor momento:

DE VACAS
De Vacas son un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces. Fan versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Detrás de cada canción mala hai un corazón que queren reivindicar. Dende as Spice Girls ata Gagnam Style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló… temazos que marcaron as súas tardes de domingo na discoteca e que rescatan para vos nun formato fresco e divertido, co que emocionarse e rir a partes iguais.

SEN SENRA
Sen Senra chega ao Náutico de San Vicente do Mar en plena voráxine de presentación do seu segundo disco “The Art of Self-Pressure” (Crispis Editorial, 2017), no que o vigués explora os puntos comúns entre o pop negro, o rock and roll de garage e xéneros como o r&b, o soul e ata o trap. E é que tras explorar no seu álbum debut os inescrutables camiños do son Galiforniano (ese punto xeográfico invisible que une as costas de Galicia e San Francisco) que serviu incluso como banda sonora do anuncio de Turismo de Galicia (a canción “Flowers” foi a que soou durante practicamente un ano nas televisións de todo o país), Sen Senra perfila un cancioneiro ultra-melódico e inmediato, amplificando o seu rexistro vocal hacia territorios imprevisibles pero conectando máis que nunca co groove e o flow das músicas negras, sen despegarse desa curiosa zona común en onde caben dende o rock de autor ou o garage de aires r&b ata achegamentos á música urbana de baile.

KINGS OF THE BEACH
A súa música é unha mestura de indie rock, garage, punk e surf, viscerais e aditivos temas de rock and roll cargados de enerxía explosiva e contaxiosas melodías, atolados e enxeñosos himnos de rock afilado onde as incisivas guitarras o incendian todo e as seccións rítmicas fan saltar as brasas polos aires, cancións que invitan a pasalo ben, cargadas de adrenalina, potentes riffs de guitarra e pegadizos estribillos, creativos hitazos de coidados arranxos, salvaxes guitarras e estupendos xogos vocais que imprimen un extra de frescura e invitan a gritar con forza, brillantes pildorazos de garage punk que hai que escoitalos a todo volume mentres bebes cos amigos un sábado pola noite. As letras fálannos de noite, xuventude, surf, liberdade, diversión, praias…
RIBEIRO COS ILUSTRADORES GALEGOS
O cartel desta edición é obra da deseñadora galega María Viñas; nada en Lugo en 1980 e licenciada en Belas Artes. Formou parte do colectivo de Performances y Asociación Cultural Flexo e coordinou o Festival IFI (de Novas Tendencias de Galicia). Durante tres anos traballou de xeito continua para dúas editoriais especializadas en publicacións de carácter médico e científico. Tamén realizou traballos de carácter publicitario e artístico e colaborou puntualmente como ilustradora téxtil.
Actualmente imparte clases de debuxo no CASB, unha iniciativa de colaboración desenvolta por sete das universidades norteamericanas máis recoñecidas en conxunción con outras tres españolas, a alumnos das mesmas.